Sunday 19 de May de 2024

A alcaldesa traslada ao delegado do Goberno a necesidade dunha maior presenza da Policía Nacional


Rey e Blanco acordaron o incremento da periodicidade das Xuntas de Seguridade e o reforzo policial nos diferentes barrios

Tamén analizaron a inversión do Goberno de España na cidade que cumpriu co desbloqueo de demandas históricas na Coruña

A alcaldesa, Inés Rey, recibiu esta mañá ao delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, na súa primeira reunión oficial como representante do organismo estatal en Galicia para abordar cuestións importantes da cidade. Rey trasladoulle a necesidade dunha maior presenza da Policía Nacional na Coruña, situándoa como a principal prioridade para o Goberno local. “Ante o incremento da percepción de inseguridade entre os veciños e veciñas, esiximos unha maior presenza e visibilización de axentes da policía nacional nas rúas” sinalou a rexedora.

A alcaldesa explicou que desde o Concello se fixo un traballo de indentificación dos principais puntos ou zonas que precisan unha maior presenza policial: “Trasladámosllos á Delegación do Goberno para o seu reforzo e acordamos a realización de reunións semanais de coordinación dos corpos locais e nacionais para seguir atendendo as principais demandas dos veciños”. A alcaldesa situou a seguridade como unha prioridade para o Goberno municipal e lembrou que desde o seu primeiro mandato o Concello convoucou un total de 94 prazas de Policía Local. “A maior cifra en moitos anos e case seis veces máis das convocadas durante o mandato do PP que foron de 17 en total” sinalou.

O delegado do Goberno comprometeuse a facer un esforzo adicional na cidade para incrementar a percepción da seguridade e puxo en valor que os delitos descenderon case un 8% na cidade no primeiro semestre de ano respecto ao 2022.

Rey e Blanco tamén acordaron a necesidade de incrementar a periodicidade das xuntas de seguridade para responder as necesidades específicas de reforzo da presenza policial nos distintos barrios.

Rey instou á Xunta de Galicia a que tome medidas para atallar o problema da repunta da drogadicción. “Trátase dun asunto de nivel nacional que non se pode resolver só mediante a acción policial xa que é un problema sanitario e precisa que as administracións con competencias aborden o asunto con urxencia para atallalo”.

Inversión do Goberno de España na Coruña

A alcaldesa, Inés Rey, e o delegado do Goberno, Pedro Blanco, tamén analizaron a inversión do Goberno de España na cidade. “O Goberno de Pedro Sánchez cumpriu coa Coruña desbloqueando demandas históricas de décadas que hoxe son unha realidade” explicou Rey.

Lembrou investimentos como o Tren a Punta Langosteira ou o dragado da ría do Burgo que supuxeron un importante impulso para a cidade e a súa área. Tamén a recente licitación das obras de ampliación de Alfonso Molina, que contan cun investimento de 23,9 millóns de euros, ou a aprobación do proxecto de ampliación e humanización da Ponte Pasaxe, cun investimento de 31,3 millóns de euros. “Dous importantes investimentos que se suman á concesión de fondos Next Generation ou outros proxectos como a Estación Intermodal para a que se están a manter reunións con ADIF para acelerar os procesos” comentou a rexedora.

Ambos destacaron a boa sintonía entre Concello e Goberno de España. “Seguiremos colaborando para atender as demandas dos coruñeses e coruñesas como estivemos facendo nos últimos catro anos” concluíu.